jueves, 12 de febrero de 2009

Israel, o camiño da liberdade

CÉSAR PAZOS CARREIRO *
Eu fun neno nunha época de esperanza. Morría "o Caudillo" e despertaba a Democracia e, con ela, collía forza a Consciencia Organizada de Galiza e comecei a militar no nacionalismo galego. Por inercias, e coñecedor soamente dun lado da realidade no Próximo Oriente eu fíxenme propalestino.
Descubrir a impactante figura do Che Guevara e a súa mensaxe de loita sen cuartel contra as inxustizas, e con el, un xeito de pensar e de non creer nas verdades sagradas, nas preguntas prohibidas, de practicar sempre o método científico? levoume a escoitar e estudar a outra realidade deste conflito. A realidade do pobo de Israel. Foi entón cando descubrín a loita milenaria dun pobo perseguido e a do exterminio de máis de 6 millóns de europeos xudeus na Alemaña nazi. Descubrín un pobo que nunca renunciou a recuperar a súa patria, nin a ser dono do seu futuro.
No proceso de reconquista da súa terra ancestral, Israel non fixo nada que non fixera España contra os árabes e os franceses, Cuba contra os ianquis, Irlanda contra Inglaterra, etc? Só que a Israel se lle nega todo. Incluso o dereito elemental a existir en paz. Calquera pobo do mundo que acada a súa liberación é admirado, como calquera dos anteriormente mencionados.
Israel soportou ó longo da súa historia épocas de histeria demoníaca na que o culpabilizaban de todo, como a que lle toca vivir dende o seu rexurdimento. É fácil demonizar a aqueles a quen se teme ou odia. "Demonio" significa "coñecemento" en grego; e Israel é un pobo que emerxe e sobrancea en base ó coñecemento. A súa historia e a súa economía fundaméntanse no coñecemento. Carecen de petróleo e case non teñen auga. A educación en Israel acada os niveis máis altos do mundo por habitante. Aférranse á democracia con verdadeiro degoiro, xa que coñecen moi ben a clase de réximes que os rodean. Son, de feito, a única democracia na zona. Son tamén, e grazas a diáspora, un dos pobos máis multirraciais do planeta e, por riba, Israel é o único lugar daquela rexión asiática onde os árabes poden votar e participar da Democracia. Algúns din que os árabes israelís están perseguidos, pero se fose verdade fuxirían como o fan os cubanos. As mulleres teñen dereitos e gobernan no país, ó contrario do que acontece no seu contorno árabe-musulmán onde son lapidadas por ben pouco. E os homosexuais, en fin, tamén teñen dereitos, non son considerados enfermos como en Irán? Alí, como en calquera país democrático, todos teñen dereitos e obrigas. E, o seu goberno, o que sexa, ten o dereito e a obriga de defenderse dos milleiros de mísiles que reciben de Hamas. Os teócratas totalitarios de Hamas son contrarios á democracia e ó coñecemento. Hamas é o islamismo fundamentalista, o fanatismo, o fascismo que desfila por Gaza cos brazos en alto e con nenos e nenas lucindo bombas atadas ás cadeiras. Unha aberración.
Escribiu Epicteto, un filósofo greco-romano e antigo escravo: "non debemos crer ós moitos que din que só se debe educar ó pobo libre, senón máis ben ós filósofos que din que so os cultos son libres". Israel é un pobo culto rodeado de fanatismos e teocracias. iso, porque, aínda defendendo a Israel, sigo sendo pro-palestino, desexo que Palestina alcance o coñecemento lonxe de fanáticos como Hamas; ese día o seu pobo estará preto da súa liberdade, como Israel.

* Membro do Consello Local do BNG de Vigo